O pasado mércores 25 de xaneiro, tivo lugar no novo espazo de emprendemento do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, o primeiro encontro entre alumnado e emprendedores da comarca, socios e directivos de AJE Ferrolterrra.

Pola parte do instituto Rodolfo Ucha, case 60 alumnas e alumnos, das familias profesionais de Informática e Comunicacións, Actividades Físicas e Deportivas e Hostalaría e Turismo presentaron 21 proxectos aos emprendedores de AJE Ferrolterra: Raúl Lomba de Waves, Daniel Fernández de Serpes Gaming, Carla Iglesias de La Guagua e Luis González de Error Ferrol,

Tal e como indica o nome do evento “Networking Sinerxías”, trátase dun formato moi frecuente no mundo emprendedor xa que permite, nun curto período de tempo, establecer moitos vínculos con outros profesionais co obxectivo de poder colaborar e aproveitar sinerxías. Os participantes fixeron 6 roldas de presentacións de 10 minutos de duración, con 2 minutos por proxecto. Os emprendedores intercambiaron opinións e outros puntos de vista co alumnado, e podemos dicir que o resultado podemos cualificalo coma de éxito, xa que a maior parte dos participantes recoñeceron atopar sinerxías con proxectos dos compañeiros. Un empresario manifestou interese por apoiar un dos proxectos presentados, e ademais, como escaparate do alumnado para a inserción laboral tamén houbo interesados en recibir os currículos dos alumnos e alumnas participantes no evento.

Para finalizar a sesión, o grupo de emprendedores de AJE Ferrolterra formularon tres retos, un por familia profesional participante no evento (Informática, Actividades Físicas e Deportivas e Turismo), e agora, o alumnado xunto co profesorado, tratarán de buscar solución e prepararán na aula as súas propostas.

Cabe mencionar o traballo das profesoras do módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora (EIE), Elena Estévez e Uxía Miguélez, que dende o mes de setembro comprometéronse con esta actividade, e traballaron para que estes proxectos do alumnado estiveran practicamente rematados e cunha imaxe corporativa que lles permitise ser expostos e intercambiar tarxetas de visita neste evento.

Esta actividade organizouse baixo a coordinación de emprendemento co obxectivo de motivar ao alumnado a presentar os proxectos do módulo EIE a diferentes concursos como o AJE Minimarket ou o IDEA, este último promovido pola Consellería de Educación.

Esperemos que moitos destes alumnos e alumnas sigan a traballar nas súas ideas, e lles recordamos que no viveiro de empresas, a coordinadora de emprendemento, Elena Anca, pode axudarlles cos pasos a seguir aplicando unha metodoloxía práctica e moi sinxela. Esperemos que alguén deles se anime a seguir traballando e mellorando o proxecto de cara a facelo realidade. Parabéns a todos!

Deseguido algunhas fotografías do encontro: