CARTEL ANUNCIADOR

ANDRÉS TARASCÓ – TARLOGIC – https://www.tarlogic.com/es/om/

O pasado mércores 15 de febreiro pola tarde, no salón de actos do noso CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, o emprendedor Andrés Tarascó relatou a súa traxectoria dende que comezou a programar con 13 anos até a actualidade, como fundador e director de Tarlogic, empresa galega especializada en ciberseguridade.

Andrés compartiu co alumnado do ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web e do curso de especialización en Ciberseguridade en Contornos das Tecnoloxías da Información, cales son as saídas profesionais no ámbito da ciberseguridade e falou tamén da importancia de especializarse e non deixar de formarse mesmo cando xa se titularon. Máis aló da formación regrada, animou ao alumnado a participar en retos de hacking e en CTF.

Ademais, compartiu cal foi o camiño que lle levou a crear a empresa co seu irmán, como fundaron a empresa, como foron crecendo, e sobre todo adaptándose, tanto ao mercado laboral, con teletraballo e interesantes políticas de retención de talento, como á contorna tan cambiante da ciberseguridade. Todo iso sen perder o obxectivo marcado na súa folla de ruta, elemento fundamental para calquera proxecto. Andrés insistiu na importancia de dispoñer dun plan de negocio cunhas “liñas vermellas” ben definidas do que non queremos para o noso negocio, para saber cando e a que hai que dicir que non.

En definitiva, demostrou que con perseveranza, formación, e paixón polo que fas, emprender é posible.

Moitas grazas a Andrés por compartir esta charla tan amena e responder a todas, e foron moitas, as preguntas dos nosos alumnos e profesores.

Temos un par de fotos da actividade: