
O alumnado de 1º curso do ciclo superior de Proxectos de Edificación realizou recentemente unha visita formativa ao Centro Tecnolóxico CETIM, situado no parque empresarial de Alvedro (Culleredo), co obxectivo de coñecer algunhas das tecnoloxías máis innovadoras aplicadas ao sector da construción.
Os estudantes puideron percorrer parte das súas instalacións dedicadas á investigación e equipadas con diversos laboratorios especializados.
No seu laboratorio de construción, onde contan cunha impresora 3D de formigón, o alumnado puido coñecer diferentes procesos de reciclaxe de materiais plásticos, enmarcados dentro da aposta do centro pola economía circular.

Outro dos puntos destacados da visita foi a presentación de proxectos relacionados coa dixitalización do sector, especialmente a aplicación do xemelgo dixital á seguridade en obra para mellorar a prevención de riscos laborais.
Esta visita permitiu ao alumnado achegarse á realidade da innovación no ámbito da edificación, reforzando tamén a conexión entre a formación profesional e o tecido empresarial.
