A nosa compañeira do Departamento de Comercio e Márketing, Rocío García Brandeiro, asistiu no mes de abril ao campionato nacional de Formación Profesinoal “Spainskills 2024”, o cal foi celebrado en Madrid. De seguido coméntanos a súa interesante experiencia, ademais de amosarnos varias das fotos que tomou alí

11.04.20243 – 12.04.2024

O pasado 11 e 12 de abril estiven en Madrid no campionato nacional de Formación Profesional, SpainsKills 2024, tamén coñecidas como as “olimpíadas nacionais da Formación Profesional”, para observar moi de preto a competición, especialmente a da modalidade de Escaparatismo e Comercialización Visual. Ata o recinto feiral de IFEMA viaxei como experta autonómica da devandita modalidade para brindarlle todo o apoio á nosa representante galega, Antía Fernández Loureiro, e á súa titora María Soledad Seoane Sobrino do IES Luís Seoane. 

Tamén aproveitei para observar outras competicións e para compartir a experiencias inesquecibles con todo o equipo galego que contaba con arredor de 100 persoas, entre alumnado e docentes, competindo un total de 38 alumnos e alumnas de 23 centros nun total de 34 modalidades de skills, das cales 29 foron competicións oficiais e cinco en formato demostración.

Foi un pracer compartir os éxitos coa delegación galega que obtivo nove medallas: tres de ouro, cinco de prata e unha de bronce, acadando unha delas a representante galega da modalidade de Escaparatismo e Comercialización Visual, á que queremos felicitar enormemente polo gran traballo realizado, pois pese a competir con outros doce participantes de diferentes comunidades autónomas e de ser a primeira vez que se organizaba esta modalidade en formato competición, alzouse coa medalla de prata“Parabéns Antía!”.

Aquí vos deixo unha pequena mostra en fotografías do noso paso pola competición

Rocío García Brandeiro, docente do Departamento de Comercio e Márketing do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro