O alumnado do Ciclo Superior de Proxectos de Edificación realizou unha saída formativa para coñecer de primeira man tanto os sistemas actuais de construción prefabricada como o patrimonio arquitectónico modernista galego.

A xornada comezou en Prefabricados Rodiñas, empresa situada en Teixeiro (Curtis), especializada na fabricación e montaxe de elementos prefabricados de formigón para a edificación e a obra civil. Durante a visita, o alumnado puido coñecer os procesos de produción de elementos como piares, vigas e paneis de fachada, así como as posibilidades que ofrece a prefabricación para mellorar a eficiencia e a calidade construtiva.

A actividade continuou en Betanzos, onde o alumnado descubriu o patrimonio arquitectónico modernista da cidade, con especial atención á obra de Rafael González Villar, un dos principais representantes deste estilo en Galicia. O percorrido permitiu apreciar os detalles ornamentais, as formas curvas e a combinación de materiais presentes en edificios como a Casa Núñez, actual sede da Fundación CIEC, e coñecer outras das súas obras máis singulares.

Esta saída permitiu relacionar os contidos traballados na aula coa realidade profesional, combinando o coñecemento dos sistemas construtivos actuais coa observación e valoración do patrimonio arquitectónico.

Accesibilidade