No CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro realizamos hoxe unha actividade complementaria cun convidado de excepción: o ferrolán Bruno García, actual seleccionador nacional de fútbol sala do Xapón.

A través das novas tecnoloxías (Face Time) realizamos unha conexión en directo coa sé da Federación Xaponesa de Fútbol, en Toquio. Alí temos desenvolvendo a súa actividade profesional como seleccionador de fútbol sala a Bruno García. Este emprendedor do deporte, licenciado en INEF, leva desenvolvendo a súa actividade no continente asiático dende hai uns anos, onde comezou dirixindo a selección de Vietnam para logo dar o salto ao emerxente mercado chinés. Na actualidade, está dirixindo ao combinado nacional xaponés de fútbol sala de cara ao campionato do mundo que se celebrará neste ano 2020. Durante case que unha hora, conversamos de diversos temas deportivos, sociais e persoais con esta figura do noso deporte.

O alumnado participante, unhas 50 persoas de 1º e 2º curso do CS de Ensinanza e Animación Sociodeportiva escoitaron as súas vivencias, participando a continuación nunha mesa redonda onde puideron dar resposta a todas as dúbidas e inquedanzas que lles foi suxerindo a charla.

A actividade resultou moi positiva, cun alto grao de valoración por parte do alumnado participante.

Tamén cabe indicar que a partir do día 29 deste mesmo mes de xaneiro, a selección xaponesa, con Bruno García ao fronte, iniciará unha xira de preparación para o mundial de fútbol sala en Galiza, concretamente na nosa comarca, onde xogarán con equipos locais de Ferrol, As Pontes e outras localidades. A información que nos chega é que a entrada será de balde e aberta a todo o público, polo que animamos a acudir a este evento tan especial.