UN GRUPO DE DOCENTES DO CENTRO ESTÁ A DESENVOLVER UN PROGRAMA QUE CONSISTE NA OBSERVACIÓN DE COMPAÑEIROS, CO OBXECTIVO DE MELLORAR A SÚA PRÁCTICA DOCENTE

  • Rebeca Miramontes Pena, do Departamento de Hostalaría e Turismo, e coordinadora do programa
  • Rocío García Brandeiro e Manuel Torrente Rodríguez, do Departamento de Comercio e Markéting
  • Elena Estévez Quintela e Lois Sánchez Meizoso, do Departamento de FOL
  • José M.ª Bey Otero e María Meizoso García, do Departamento de Informática e Comunicacións
  • Divina Morado Vázquez e Pilar Molina Osa, do Departamento de Dinamización de Linguas Estranxeiras
  • Fernando López Uceira, membro do equipo directivo

Este é o grupo de profesores do centro que participa no programa que se está a desenvolver e que ten por obxectivo mellorar a nosa práctica docente a través da observación de compañeiros.

Como vos contamos o pasado mes de marzo, o programa consta de catro fases, sendo a primeira a fase intracentro xa concluída. Pasamos agora á segunda fase onde fomos emparellados co IES Monte Castelo de Burela.

O día 18 de maio viaxamos aló para observar algunhas das súas clases e ver o funcionamento do centro. A esa visita acudimos Rebeca Miramontes, Elena Estévez, Rocío García, Pilar Molina e Fernando López. Acompañounos Carolina Casal, a nosa asesora no CFR de Ferrol.

O día foi intenso. Comezamos observando unha clase de Economía de 4º de ESO para continuar cunha de Lingua castelá e literatura de 1º Bacharelato. Participamos nunha sesión do obradoiro “Mantente Activo”, no que profesorado do departamento de Educación Física traballa coa asociación Eu Son axudando a persoas con discapacidade a integrarse grazas á actividade física.

A carón do IES está o CEIP Vista Alegre onde fomos testemuñas de como un grupo de alumnado de 4º da ESO traballaba conxuntamente con alumnado de Primaria pintando e decorando uns troncos de árbore para usalos como mobiliario no patio.

Máis tarde amosáronnos material que lles enviara a Consellería para o Espazo Maker e mais os polos creativos e tamén estivemos nunha clase de Debuxo Artístico de 1º Bacharelato de Artes onde estaban a facer un proxecto coa materia de Lingua e literatura galega. Observamos tamén unha clase de FOL.

Puidemos ver a disposición da súa biblioteca, espazo dinamizador do centro, e un obradoiro do Bacharelato de Artes onde había traballos realizados polo alumnado.

Explicáronnos o funcionamento do seu horto escolar e do invernadoiro, dos que se senten moi orgullosos e aos que lles queren dar pulo nos vindeiros cursos cun proxecto específico.

Despois de xantar regresamos ao centro e asistimos a unha clase de Implementos físico-deportivos do CS de Ensinanza e Animación Sociodeportiva e mais a unha de Inglés dentro do programa CUALE.

Rematamos a xornada cunha reunión de reflexión onde compartimos xuntos diferentes aspectos observados e intercambiamos opinións.

Velaí algunhas imaxes da visita a Burela:


A segunda parte desta segunda fase do programa tivo lugar no noso centro o 24 de maio.

Viñeron catro profesores: Antonio Mato de Economía, Carmen Castelao de Lingua Castelá e Literatura, María Naveira de FOL e Roberto Ramallal de Educación Física.

Preparamos para eles un percorrido por distintos espazos do centro ademais das observacións na aula. Asistiron a observar catro clases dos módulos de Sistemas informáticos do CS Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, Inglés e Estrutura do mercado turístico do CS Guía, Información e Asistencia Turísticas e FOL do CM de Actividades Comerciais.

Rocío García explicoulles o funcionamento da tenda do noso centro (Atenda) e da biblioteca, e José María Bey todo o relacionado coas TIC e a Intranet do centro. Tiveron a oportunidade de coñecer aos responsables de FCT, Dinamización de Dual, Programas Internacionais, Viveiro de empresas, e tamén estiveron no ximnasio coñecendo o programa “Centro Activo” levado a cabo polo profesorado do departamento de Actividades Físicas e Deportivas.

Rematamos a mañá cunha reunión para facer unha reflexión e extraer conclusións onde puidemos salientar a idea de que a través desta experiencia de observación entre iguais provócase un enriquecemento indubidable das nosas habilidades docentes.

Deseguido algunhas imaxes da visita dos compañeiros de Burela ao noso centro: