O CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro inaugura unha aula pioneira en Galicia na que o alumnado dos ciclos da familia de comercio e márketing poderán realizar prácticas de visual merchandising, técnicas e procesos de almacenamento e simulacións de compra-venda nun entorno real.
Tras meses de traballo inaugurase este espazo composto por dúas áreas. A primeira simula unha tenda real, con material propio dos espazos comerciais tais como góndolas, expositores, mostrador ou escaparates aos que se suman os elementos necesarios para a realización de compra-venda presencial: terminal punto de venda, programa de xestión de caixa, escáner de código de barras ou pantallas para a dinamización visual e sonora do establecemento. A segunda área alberga o almacén onde, para alén dos estantes e outros elementos propios destes espazos, atópase o sistema de almacenamento robotizado.
O sistema de almacén robotizado recolle todas as funcionalidades dun sistema real. Desde o seu programa de xestión de stock practicarase a catalogación e rexistro dos diferentes produtos, reprodución de ordes picking e tramitación de pedidos. O alumnado enviará as ordes ao robot que, debidamente programado, escollerá aquelas referencias que deben compor os pedidos e para finalizar, xa de xeito manual, o equipo rematará o empaquetado e preparación para o seu envío ou entrega ao cliente.
A constitución deste espazo ten coma obxectivo poder traballar co alumnado situacións reais que se van atopar ao remate da súa formación. Deste xeito o centro pretende proporcionar unha maior capacitación, levando ao terreo da práctica grande parte dos coñecementos teóricos que se imparten nos diferentes módulos. Esta aula supón unha importante mellora da dotación xa existente de obradoiros para as prácticas do alumnado en materia de comercio e márketing.
Proxecto escollido do programa de Espazos de Tecnoloxía
No curso 2020-2021 a Consellería de Educación convocou o programa de Espazos de Tecnoloxía para a conversión de aulas tradicionais en espazos de tecnoloxía aplicados á Formación Profesional. O obxectivo deste programa era por a disposición do alumnado contornas que simulasen espazos reais onde integrar aprendizaxes teórico-prácticas.
Dentro deste contexto o equipo do Departamento de Comercio de Márketing do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro presentou o seu proxecto de “tenda intelixente e almacén robotizado 4.0” que foi seleccionado de entre os 13 proxectos presentados polos centros de formación profesional da comunidade.
O espazo que actualmente ocupa a tenda-almacén era unha antiga aula tradicional de 11,3 x 8,8 metros que foi totalmente reconvertida para conseguir o resultado que vemos na actualidade e que sorprende xa que se trata dunha tenda real, dentro dun centro de formación.
Na actualidade, e grazas a colaboración dunha empresa local, o que se pode ver é unha tenda de roupa e complementos pero o espazo está preparado para adaptarse no futuro a outros tipos de comercio como tenda de alimentación, droguería, ferraxería…