Compartimos con vós os seguintes concursos:

Game jam: O Consello da Cultura galega, en colaboración con videoxogo.gal (Asociación galega de videoxogos e contidos interactivos) organiza esta game jam para difundir o legado cultural galego.

Esta Game jam será para realizar un videoxogo a partir da mostra «Afonso X e Galicia». A temática será a Idade Media, as Cantigas de Santa María, Afonso X e Galicia.

Poderá participar calquera persoa ou equipo co envío do seu xogo ata o 22 de marzo de 2021 a itch.io. Consulta máis información deste concurso na ligazón.

33º Concurso de fotografía «Jesús e Adán»: Concurso do Concello das Rozas, no que poderán participar de xeito individual, os mozos e mozas de 14 a 30 anos que non sexan profesionais.

O tema, a técnica e o deseño serán libres. Poden presentarse ata tres fotografías, consonte aos criterios das bases. O prazo de admisión será do 5 ao 14 de maio de 2021. Consulta máis información na ligazón.

XXV Concurso de Humor Gráfico «Curuxa do Humor 2021»: organizado polo Concello de Fene para presentar debuxos de creación propia en dúas modalidades: Curuxa (persoas maiores de 25 anos) e Curuxa-Nova (persoas menores de 25 anos).

A temática dos traballos será libre, pero versará sobre humor gráfico nas modalidades de viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina). Os traballos poden ser de humor mudo, en galego ou en calquera lingua oficial, neste último caso, deberá achegarse a tradución ao galego.

O prazo estará aberto ata o 31 de maio de 2021. Consulta máis información e os premios que podes gañar. Tamén podes ver no BOP da Coruña a convocatoria.