Aproveitando que esta semana se conmemora o oito de marzo, Día Internacional da Muller, vaise culminar o traballo comezado ao abeiro do Plan de Igualdade 2019 -2020 do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, onde a través da exposición Lideresas que se puido ver por primeira vez no noso centro, pretendiamos loitar contra os estereotipos de xénero á vez que queriamos denunciar a perda de visibilidade das mulleres por razón da súa idade.

Nesa exposición podiamos ver a mutación dunha serie de fotografías emblemáticas onde mulleres maiores ocupaban o rol en que aparecían homes senlleiros na historia.

A partir de aí decidiuse, en colaboración co IES Ricardo Carvalho Calero e co IES Saturnino Montojo, reproducir esas fotografías con modelos ferrolás e da comarca que participan habitualmente nas actividades de Espacio+60 Ferrol de Afundación e da Residencia de Maiores de Caranza, involucrando ao alumnado de diferentes ciclos formativos en todo o necesario para que a fotógrafa, arquitecta e artista visual ferrolá Ana Amado realizase as fotografías. Así, os traballos de maquillaxe e peiteado, elección de vestiario, caracterización das personaxes, elaboración da mensaxe publicitaria que se desexaba transmitir e recollida dos intres máis significativos das xornadas de traballo son, entre outros, labores realizados polo alumnado.

Pero todo isto ficou adiado por mor da pandemia e retomouse agora neste curso 2021 – 2022, onde os centros contactamos de novo coa fotógrafa para poder rematar o proxecto. O profesorado involucrado suxeriu algunha outra imaxe icónica e procurou localizacións axeitadas para tirar as novas fotografías que complementaban ás iniciais. Ese traballo deu como froito a creación dun calendario do ano 2022, no que se escolleu unha foto por mes entre febreiro e novembro e unha miscelánea das restantes fotos nos meses de xaneiro e decembro e mais na portada e contraportada do almanaque.

Portada do calendario

Ademais o vindeiro venres 11 de marzo ás 19 horas, no Espazo +60 no 1º andar de Afundación, na Praza da Constitución de Ferrol, vaise inaugurar unha exposición titulada Lideresas á galega coas fotografías resultantes do interesante traballo realizado, tanto dende o punto de vista simplemente artístico como para a formación do alumnado e para o empoderamento das mulleres protagonistas que deben sentirse visibles e con peso na sociedade.

A ese acto asistirá a Concelleira delegada de Benestar Social e Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol Eva Martínez Montero, así coma o director ou directora dos centros colaboradores. Están tamén convidados a asistir todas aquelas persoas que dunha ou outra maneira interviñeron no traballo realizado e o público en xeral para o que non dubidamos resultara de interese.

A exposición permanecerá aberta deica o 11 de abril e o horario para visitala será de luns a venres entre as 11:00h e as 14:00h en horario de mañá e de 17:00h a 20:00h en horario de tarde. Os sábados o horario é un pouco máis reducido pois pola tarde péchase ás 19:00h, sendo iguais as horas de peche matutino e as de apertura tanto á mañá coma á tarde.