O pasado venres 11 de marzo ás 19:30 horas, no Espazo +60 no 1º andar de Afundación, na Praza da Constitución de Ferrol, inaugurouse a exposición titulada Lideresas á galega, con fotografías  emblemáticas onde mulleres maiores da nosa comarca ocupan o rol en que aparecían homes senlleiros na historia.

A finalidade última da exposición é a de loitar contra os estereotipos de xénero que se ven agravados, se cabe, cando as mulleres acadan idades máis maduras.

O traballo realizado foi froito da colaboración de tres centros educativos da nosa cidade: o IES Ricardo Carvalho Calero, o IES Saturnino Montojo e o noso centro, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.

A o acto asistiu a Concelleira delegada de Benestar Social e Patrimonio Histórico do Concello de Ferrol Eva Martínez Montero, así coma o noso director, Fernando López Uceira e mais as directoras dos outros dous centros colaboradores, Mónica Juliás Piñeiro e María Victoria Piñeiro Carregado. Outras persoas que dunha ou outra maneira interviñeron no traballo realizado e o público en xeral completaron o aforo presente na inauguración.

A exposición permanecerá aberta deica o 11 de abril e o horario para visitala será de luns a venres entre as 11:00h e as 14:00h en horario de mañá e de 17:00h a 20:00h en horario de tarde. Os sábados o horario é un pouco máis reducido pois pola tarde péchase ás 19:00h, sendo iguais as horas de peche matutino e as de apertura tanto á mañá coma á tarde.