O pasado 10 de novembro os nosos alumnos do Curso de Especialización en Ciberseguridade en Contornos das Tecnoloxías da Información asistiron ao II Congreso galego de ciberseguridade, Cibergal 2022, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG).
Este congreso, que este ano celebra a súa segunda edición, aglutina a representantes institucionais e corporativos do eido da ciberseguridade a nivel galego e nacional e converteuse, no seu curto percorrido, no principal evento deste tipo a nivel autonómico.
E neste Cibergal 2022, como xa informamos noutra entrada nesta mesma páxina, participaron tamén como relatores dous dos nosos profesores do curso de especialización, Rafael Lopez e Andrés do Río, que impartiron o obradoiro “Intrusión nun contorno de directorio activo e análise forense do devandito ataque”.