Nun ano académico certamente atípico por mor da COVID-19 non quixemos deixar de resolver o concurso de microrrelatos que con periodicidade anual convoca o noso centro para o alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos.

Nesta edición, a sétima, a frase que definía o concurso e que polo tanto debía ir inserida nos microrrelatos era “… facía debuxos no aire…”

A decisión do xurado foi que a gañadora do premio de 150€ fose a alumna Lidia López Pérez de 1º de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, co microrrelato presentado baixo o pseudónimo de Loura Escarlata e titulado Céfiro, rachando así coa xeira de vitorias consecutivas do alumnado do réxime modular.

Este ano non podemos realizar a lectura pública da obra gañadora no tradicional acto de entrega do premio, pero poderás lela se picas neste enlace.

Respecto á categoría de profesorado e persoal de administración e servizos non houbo fallo, pois os dous únicos microrrelatos presentados pertencían a membros do xurado e, polo tanto, non podían optar a premio.

Agardemos que na convocatoria do curso que vén, a oitava xa, a situación sexa menos convulsa e todo se poida desenvolver no marco da normalidade (non sabemos se vella ou nova) e cunha situación sanitaria moito máis favorable.