Dedicado nesta ocasión ao galeguista, ensaísta e narrador mariñán, nado en Vilanova de Lourenzá, Don Francisco Fernández del Riego

O pasado martes 23 de maio pola mañá tivo lugar no noso salón de actos a conmemoración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun acto onde entregamos os premios aos gañadores do X Concurso de Microrrelatos “… o saber é …”. O primeiro premio recaeu en Ángel López López de 2º do CS de Proxectos de Edificación. Ao segundo premio fíxose acredor Gabriel Méndez Teijeiro de 1º do CM de Sistemas Microinformáticos e Redes. Senllos microrrelatos, o gañador “Cuestión de Perspectiva” e mailo accésit “Mestre sen Máster”, foron lidos no acto aos asistentes polos seus autores.

Aproveitamos tamén para proclamar a gañadora na categoría de “resto da comunidade educativa” onde a profesora Carolina Arribí Pérez da familia de Administración e Xestión foi a vencedora. Desafortunadamente non lle foi posible asistir ao acto e recolleu o libro co que resultou premiada, a condutora do acto Rocío García Brandeiro, coordinadora da biblioteca do centro.

Previamente e para abrir a conmemoración, Lois Sánchez Meizoso que encabeza o Equipo de Dinamización de Lingua Galega do centro, leu unha breve recensión da figura do homenaxeado este ano, Fancisco Fernández del Riego e o alumno de 1º de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, Xian Barro Fernández leu uns versos de Rosalía de Castro, figura senlleira das nosas letras á que se lle dedicou o 1º Día das Letras Galegas aló polo 1963.

Máis tarde e por sorpresa, os organizadores pediron que de entre o alumnado asistente se formasen dous equipos para poder competir en senllos “Roscos” do famoso concurso de televisión Pasapalabra. Resultou divertido e todos os participantes foron agasallados con artigos de promoción da FP e mais do centro, así coma con cadansúa consumición na cafetaría.

O broche de ouro á xornada púxoa C Mirazo, pioneiro do trap galego e que cos seus sons urbanos e as súas letras na nosa lingua, fixo as delicias dun auditorio que foi progresivamente entregándose coas cancións que nos interpretou en directo.

Temos algunhas fotografías do acto. Velaí van: