O pasado sábado 2 de decembro, na sede de Afundación de Ferrol, o noso centro foi convidado ao acto de entrega dos galardóns Carros de Prata onde tivemos a honra de ser recoñecidos cun deles, polo traballo desenvolvido a prol das persoas con discapacidade nas colaboracións establecidas entre o centro e a propia Asociación Sociocultural ASCM.
O acto desenvolveuse a partir das 18:00 horas e acudiu a recoller o galardón a Secretaria do centro Eva Robles Freire (na foto) en representación do Director Fernando López Uceira ao que lle foi imposible asistir. Porén a Secretaria transmitiu, no seu nome, as desculpas pola súa ausencia e mais o noso máis sincero agradecemento. Coñecemos e admiramos o traballo encomiable da ASCM e no centro, baixo a súa dirección, sempre se traballou a prol de sermos inclusivos tanto na accesibilidade aos espazos físicos como á hora de impartir a formación.
A Secretaria non acudiu soa ao acto, pois con ela foi tamén a profesora Dulce Díaz Porto do Departamento de Actividades Físicas e Deportivas que é con quen se establecía a meirande parte desta colaboración. E dende o centro queremos agradecerlle a súa implicación porque somos conscientes da cantidade de tempo e arduo traballo que se precisa para preparar e sacar adiante as actuacións acordadas coa ASCM.
Tamén hai que dicir que esas actividades foron altamente gratificantes para ámbalas partes pero, sobre todo, que resultaron impagables coma bagaxe formativa do noso alumnado do ciclo superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva en canto á vertente da inclusión social sen límites. E iso nós, como centro educativo considerámolo coma o gran premio intanxible asociado ao recibido.
Agardamos que poidamos manter esta sinerxía no futuro, por moitos máis anos.
A gala, que resultou un éxito, contou coas actuacións musicais de Marcos Mella e da agrupación musical Intermezzo e, canda nós, tamén foron galardoados o Campus Industrial da UDC, a Asociación de Veciños de Caranza Cuco Ruíz de Cortázar, o Club de Prensa de Ferrol, BNI Albatros e Tonecho Santiago de Kick Narón. Parabéns a todos eles e elas.