Hoxe día de San Xurxo e cabodano das mortes de escritores tan senlleiros na literatura universal coma Mr. William Shakespeare e Don Miguel de Cervantes, celebramos no centro o Día do Libro.

Por mor das precaucións que a pandemia nos impón, nesta ocasión substituímos a tradicional xuntanza no noso salón de actos para presentar algún libro e para proclamar os vencedores do noso concurso de microrrelatos, por un reparto de caraveis canda os dous textos gañadores.

Ante todo darlles os máis sinceros parabéns a dúas mulleres, Lucía Cabado López do CS de Administración e Finanzas do réxime modular, que acadou o 1º premio e tamén a Alba Méndez Cinza de 1º do CM de Actividades Comerciais do réxime ordinario, que se fixo merecedora do 2º premio, en disputada competencia con outros 22 participantes que nesta oitava edición do concurso conseguiron un nivel de calidade literaria que complicou as deliberacións do xurado e puxo difícil a elección das gañadoras. Parabéns tamén para todos eles e moitas grazas por participar.

Queda pendente a proclamación do gañador ou gañadora do libro de Xela Arias ao que optan o resto de participantes membros da comunidade educativa que non forman parte do alumnado e que faremos coincidir coas celebracións do Día das Letras Galegas.