
Un grupo de alumnas de 2º curso do Ciclo Superior en Proxectos de Edificación realizou recentemente unha enriquecedora visita a Barcelona, acompañadas polo profesor José Luis Méndez. A actividade forma parte das accións complementarias do ciclo, orientadas a achegar ao alumnado á realidade do sector e ampliar a súa formación técnica e cultural.
Durante a súa estancia, as alumnas asistiron á feira CONSTRUMAT, un dos eventos máis importantes do ámbito da construción en España. Alí puideron coñecer de primeira man as últimas innovacións en materiais, tecnoloxías construtivas, sustentabilidade e dixitalización do sector. Ademais, tiveron a oportunidade de interactuar con profesionais, empresas e entidades punteiras, o que lles permitiu descubrir novas tendencias e ampliar a súa visión do futuro profesional.


A visita completouse cun roteiro por algunhas das obras máis emblemáticas do arquitecto Antoni Gaudí: o Parque Güell, a Basílica da Sagrada Familia e a fascinante Casa Batlló. Estes espazos ofreceron unha valiosa experiencia cultural e arquitectónica, ao permitir observar de preto as técnicas construtivas, o deseño orgánico e a creatividade que caracterizan o modernismo catalán.



Sen dúbida foi unha experiencia enriquecedora que reforza o aprendizaxe da aula e fomenta a motivación das nosas futuras profesionais do sector da edificación.