
O alumnado de primeiro curso do Ciclo Superior de Proxectos de Edificación puxo en práctica os coñecementos adquiridos ao longo do curso a través dunha experiencia completa de maquetismo arquitectónico.
Partindo do modelado virtual dos seus proxectos en Revit, os estudantes xeraron os desenvolvementos volumétricos dos seus edificios, que posteriormente plotearon para construír maquetas físicas con cartón pluma. Esta fase manual permítelles comprender en profundidade a xeometría, proporcións e detalles construtivos dos seus deseños.


O traballo compleméntase coa impresión 3D de elementos como carpinterías e outros detalles arquitectónicos, o que achega realismo e precisión a cada maqueta.
Como seguinte paso, o alumnado enfrontarase ao reto de utilizar tecnoloxía de corte láser para fabricar compoñentes, incorporando así novas ferramentas dixitais ao proceso de deseño e fabricación.


Este tipo de prácticas reforzan a conexión entre a contorna dixital e o mundo físico, fomentando a creatividade, a precisión técnica e o pensamento construtivo, competencias esenciais para a súa futura vida profesional.