
No módulo de Implantacións de Construción, o alumnado dá os seus primeiros pasos no ámbito da topografía aplicada á edificación e a obra civil. Durante as sesións prácticas, os estudantes aprenden a medir desniveis e distancias utilizando o nivel óptico, comprendendo os principios básicos da nivelación e a toma de datos en campo.
Esta actividade supón un primeiro contacto co manexo de instrumentos topográficos, fundamental para a correcta implantación de proxectos construtivos. As medicións realizadas procésanse posteriormente na aula, onde o alumnado representa os datos obtidos mediante o software Civil 3D, integrando así o traballo de campo co debuxo técnico e o modelado tridimensional.

Ao longo do curso, e unha vez afianzados estes coñecementos básicos, os estudantes avanzarán no uso de instrumental topográfico máis preciso e tecnolóxico, como a estación total e os sistemas GPS RTK, ampliando as súas competencias e preparándose para as esixencias reais do sector profesional.