Inicio

Inicio

A RAE define ‘igualdade’ como a ‘prohibición da discriminación; mandato constitucional que impide dar un trato diferenciado a aqueles que se atopan en situación de igualdade, empregando un criterio de diferenciación prohibido e buscando un resultado que menoscabe o exercicio do dereito’. Trátase, asimesmo, dun dos valores superiores do ordenamento (Constitución Española, art. 1.1) e dun dereito fundamental a non ser discriminado (Constitución Española, art. 14). Atópase igualmente recoñecido como mandato do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. A igualdade é, polo tanto, un valor común á Unión Europea e os seus Estados membros.

A igualdade social recoñece a igualdade ante a lei, a igualdade de oportunidades. É o contrario á desigualdade social, que implica desigualdade económica, escravitude, racismo, sociedades de castas e estamentos, así como calquera outro tipo de discriminación por motivos de xénero, etnia, relixión, idioma, orientación sexual, idade, discapacidade, ou calquera outra circunstancia persoal. A igualdade social é un valor fundamental para unha sociedade mellor, máis xusta e inclusiva, na que a comunidade educativa xoga un papel fundamental, a través da implementación de programas que fomenten a inclusión social e a non discriminación e levando a cabo actividades que conciencien da necesidade dos devanditos programas.

Como se establece na páxina web de igualdade da Xunta de Galicia, ‘a educación en igualdade é un estilo educativo, un proceso de transformación social que apunta a unha convivencia entre os sexos alonxada da opresión mutua e tendente a unha relación de xustiza e repecto en interés duncha formación integral e unha efectiva igualdade de oportunidades entre homes e mulleres’. 

Aínda que a desigualdade entre homes e mulleres é un dos principais focos da desigualdade social no noso país na actualidade, non é o único. Existen numerosos exemplos de discriminación por outros motivos persoais contra os que a comunidade educativa ten o deber de loitar, e que, dende aquí, trataremos de facer visibles.