Teño dereito a algunha axuda económica?

En que empresas se pode facer a FCT?

Cando se fai a FCT?

Que horario se fai na empresa?

Se no instituto hai vacacións, teño que ir á empresa?

Como se asignan as empresas?

Pódese cambiar de empresa unha vez comezada a FCT?

Como se pode solicitar exención da FCT?

Teño dereito a algunha axuda económica?

A Consellería de Educación aporta unha axuda económica para a realización da FCT á que se tén dereito sempre que o centro de traballo non estea no concello de Ferrol nin no concello de residencia do alumno.

Aínda que as contías poden variar, para a última convocatoria o importe da axuda foi de 2,5€ por xornada, é dicir, un total de 130€ para os ciclos medios e 120€ para os ciclos superiores; no caso de facer a FCT noutra Comunidade Autónoma, 200€; fóra do territorio español, variable en función do país.

En que empresas se pode facer a FCT?

A FCT pódese realizar en calquera empresa que estea disposta a recibir alumnado e na que sexa viable levar a cabo as actividades previstas segundo o ciclo de que se trate. As excepcións son que non pode haber unha relación familiar nin laboral entre o alumno e a empresa.

Dende o CIFP contáctase con empresas que xa colaboraran en ocasións anteriores pero tamén se intenta incorporar novas empresas interesadas en ter alumnado en prácticas.

Cando se fai a FCT?

A FCT faise unha vez superados todos os módulos e nalgún dos tres períodos previstos: abril-xuño, setembro-decembro ou xaneiro-marzo. Para a maioría dos alumnos dun determinado período coincidirán as datas de inicio e fin das prácticas, pero tamén pode haber algunha variación se a empresa o solicita.

Que horario se fai na empresa?

O horario será o que estableza a empresa, pero nunca poderá superar as 40 horas semanais. Este límite tamén se aplica en caso de ter que traballar en fin de semana.

Se no instituto hai vacacións, teño que ir á empresa?

Si. O alumno ten que facer o calendario laboral da empresa aínda que non coincida exactamente co calendario escolar.

Como se asignan as empresas?

Cada grupo de alumnos ten un profesor titor no CIFP que é o encargado de asignar unha empresa a cada estudante. Nesta asignación teranse en conta criterios como a adecuación das actividades da empresa ás características do alumno, a localización xeográfica ou a dispoñibilidade de medios de transporte públicos. Tamén se terán en conta as preferencias dos alumnos e poderanse utilizar as súas cualificacións como criterio obxectivo para establecer unha orde de prioridade.

Pódese cambiar de empresa unha vez comezada a FCT?

Realizar a FCT en dúas empresas será unha solución excepcional para cando se constate que nun único centro de traballo non se poden desenvolver todas as tarefas previstas.

Como se pode solicitar exención da FCT?

A experiencia laboral acreditable de máis dun ano permite solicitar a exención da FCT.

Excepcionalmente, para o curso 2021-2022, a experiencia laboral mínima necesaria será de só 6 meses (DOG 06/10/2021).

O titor do grupo será o encargado de comprobar que a documentación aportada demostra a realización das actividades previstas para a FCT do ciclo.

No caso de ciclos con módulo de Proxecto a exención da FCT non implica a exención dese módulo, que haberá que desenvolver durante o período de FCT e nas condicións previstas.