SON Voluntario/a, en festivais de música de Galicia

SON Voluntario/a, en festivais de música de Galicia

Cristina Pichel, Directora Xeral de Xuventude, participación e Voluntariado presentou o programa SON Voluntaria que pretende fomentar a participación activa da mocidade nos festivais de música de Galicia.

SON Voluntario/a nace coa finalidade de promocionar a acción voluntaria entre a xuventude e dar a coñecer os beneficios que reporta tanto a nivel persoal como social. Así, este programa está destinado aos festivais de música de Galicia e a eventos de similar natureza nos que as mozas e mozos participantes realizarán diferentes tarefas e vivirán a experiencia do festival desde dentro.

Algunha das tarefas das que se encargarán son: ofrecer información de interese sobre os servizos que ofrece o festival, facilitar a circulación das persoas dentro do recinto e realizar, de ser o caso, actividades de sensibilización medioambiental. Cómpre destacar que as quendas de voluntariado serán dun máximo de tres horas ao día.

As mozas e mozos voluntarios recibirán un bono de acceso ao festival ao que acudan, facilitado polos organizadores de cada evento. Ademais, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil, que correrá por conta da devandita Dirección Xeral.

Os participantes deberán ter unha idade entre 18 e 30 anos e terán que estar empadroados nalgún concello de Galicia. Previamente, todas as persoas seleccionadas deberán superar un curso básico sobre voluntariado que estará dispoñible na páxina web http://www.voluntariadogalego.org. A maiores, terán que asistir a unha reunión previa á celebración do festival para establecer todas as cuestión de organización, solucionar dúbidas e repartir as identificacións necesarias.

As mozas e mozos que queiran participar como voluntarios/as en festivais de Galicia poderán inscribirse no programa SON Voluntario/a a través do formulario que estará dispoñible na páxina web de Voluntariado, para cada un dos eventos.

http://www.voluntariadogalego.org