O proxecto FP Plus achega a empresa á formación profesional

Presentación de FP PlusA conselleira de Educación e Ordenación Universitaria presentou o pasado venres 28 de marzo o proxecto FP Plus: Emprender na Formación Profesional. Esta acción posta en marcha pola Administración educativa galega busca promover iniciativas emprendedoras no eido da Formación Profesional así como fortalecer a mentalidade emprendedora e a asunción de riscos.

O proxecto aposta por que os alumnos materialicen as súas ideas, vivan en primeira persoa os retos do funcionamento dunha empresa, coñezan as experiencias doutros emprendedores e cheguen a crear a súa propia empresa nos centros públicos de FP.

A conselleira indicou que na actualidade a FP xa ofrece programas de creación de empresas e que un 20% do alumnado que participa neles acaba creando unha compañía propia.

Catro programas
O proxecto consta de catro programas:

  • FP Idea: concurso para promover a capacidade creativa e emprendedora do alumnado de Formación Profesional. Consta de dúas modalidades: idea innovadora, que premiará a mellor idea orixinal que propoña un novo uso ou unha nova aplicación dun produto ou dun servizo que teñan relación coa FP; e idea empresarial, que galardoará o proxecto empresarial máis innovador existente. Os proxectos poderán presentarse ata marzo de 2009.
  • FP Simula: proxecto que pretende contribuír ao fomento da cultura emprendedora, fomentar o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación e formar ao alumnado no campo da xestión e a administración, reproducindo situacións reais mediante a simulación. Deste xeito, cada centro participante constitúe unha empresa virtual na que os postos de traballo son ocupados de xeito rotatorio polo alumnado. A empresa trata de reproducir os circuítos, as relacións e o movemento dos documentos administrativos que se produce na realidade do mundo empresarial.
  • FP Avanza:pretende dar a coñecer de primeira man a experiencia de emprendedores e emprendedoras que afrontaron con éxito os seus proxectos. Deste xeito, entre outubro e novembro de 2008 os participantes realizarán un seminario de formación, e nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2009, visitarán empresas relacionadas co ciclo formativo que están a cursar.
  • FP Emprende:axudar ao alumnado na posta en marcha dos seus proxectos empresariais nos centros educativos. Así, nos centros participantes crearase, de xeito experimental, un departamento de iniciativas emprendedoras e un viveiro de empresas. O alumnado responsable dos proxectos asentados no viveiro contará co asesoramento dun gabinete técnico para a súa posta en funcionamento. Este programa comezará a funcionar, cun proxecto piloto, no curso 2008-2009.

Empresas simuladas

Durante este curso púxose en marcha, de xeito experimental, a primeira fase do programa FP Simula (dirixido a centros que imparten as familias de Administración, comercio e marketing, e Hostalaría e turismo) en seis centros de FP:

  • IES Portovello (Ourense), prestación de servizos de hostalería e hidroterapia e venda de produtos cosméticos.
  • IES A Piringalla (Lugo), empresa simulada de artigos de oficina e papelería.
  • IES Fernando Wirtz (A Coruña), empresa de confección e venda de prendas de roupa.
  • IES Luís Seoane (Pontevedra), produtos e servizos informáticos.
  • IES A Guía (Vigo), empresa de distribución de produtos galegos.
  • E o noso centro, CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), cunha empresa dedicada ao comercio de mobles.

Os seis centros que xa están a participar no programa FP Simula terán unha representación no stand galego da VII Feira Internacional de empresas virtuais, que se celebrará do 2 ao 6 de abril en Barcelona, dentro do Saló de l'ensenyament. Saló de l'ensenyament